Renovamos a ilusión

“As forzas que se asocian para o ben non se suman,

multiplícanse”

Concepción Arenal (1820-1893). Feminista Galega Universal

 

 

Corría a primavera de 2015 cando asumimos o reto de ilusionarnos e ilusionar canda nós. Sementamos compromiso para imaxinar un horizonte distinto no que vivir e no que soñar. Sorrimos daquela con todas as nosas forzas e pelexamos coa invencible arma dos nosos mellores desexos.

O tempo desafíanos agora, chámanos a resistir e a renovar o noso compromiso. Volvemos botar man del e presentarnos orgullosas co noso traballo por diante. A experiencia adquirida é o noso único aval. Presentamos a exame tanto os nosos erros coma os nosos acertos, co obxectivo único de darlle continuidade a todo o tempo adicado.

Comprometémonos a manter no camiño un proxecto de presente inmediato e de futuro inminente. Cuntis precisa o compromiso real de imaxinar un rumbo ambicioso, de superar as inercias tristes, indiferentes e incapaces. Cuntis precisa o liderado das dispostas a desafiar o pesimismo, das dispostas a turrar cara adiante por un chan mellor e un aire máis limpo.

Asinamos a ilusión, renovada. Outra vez.

Asinamos o compromiso de seguir. Asinamos o pacto cun futuro mellor.

 

 

 

En Cuntis, no marzo de 2019